Fran Fandiño decide para o Ribadumia ante a falta de puntería do Villalonga (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Mereceu máis o Villalonga, pero en fútbol o gol decide e o único do partido conseguiuno un Ribadumia que logo tirou de oficio para defender a súa vantaxe, axudado tamén por un mal día do dianteiro celeste, Aarón, que dispuxo de ata catro claras ocasións de gol, non acertando a transformar ningunha delas. Fran Fandiño deu a vitoria aos locais nun derbi con máis emoción que xogo.
Entrou mellor no partido o Villalonga, que soubo provocar un curtocircuíto na liña de creación local, impedindo que chegasen balóns a Fran Fandiño, Anxo ou Adrián Camiño. Deste xeito, Changui quedaba illado en punta, e sen apenas opcións de crear perigo. Pola contra, os celestes puideron adiantarse ao pouco de comezar, na primeira das catro ocasiones clarísimas das que dispuxo o seu dianteiro Aarón, pero que non soubo aproveitar por falta de puntería.
Con todo, o primeiro tempo ofreceu a dous equipos con excesivo respecto ao rival, máis preocupados de non dar facilidades atrás que de buscar a área rival.
Tras o descanso, o Ribadumia empezou a sentirse algo máis cómodo sen balón, atopando os espazos para lanzar aos seus homes de arriba con relativo perigo. Así chegaba o único tanto do partido, nunha moi boa acción de Anxo que ve o desmarque na esquerda de Changui. O veterano dianteiro pon un centro que é medio gol para a chegada de Fran Fandiño, que gaña as costas á zaga visitante e empuxa lonxe do alcance de Iván Parada (minuto 55).
O gol fixo reaccionar ao Villalonga, que protagonizou os mellores minutos do partido, sempre cun denominador común: os erros no remate de Aarón, que lle privaron polo menos dun merecido empate.
Superada a hora de xogo, posiblemente no único fallo defensivo do Ribadumia, Aarón Paredes non pode superar nun remate claro, absolutamente só na interior da área, a Manu Táboas, que salva co pé.
Antonio daría entrada ao veterano Richi por un pouco activo nesta ocasión Javi Pazos, e o de Bueu xeraba un minuto despois una das grandes ocasións do partido, cun centro desde a esquerda que Aarón volve desperdiciar, mandando o balón xunto á cepa do poste, cando se cantaba o gol.
Puido sentenciar tamén o Ribadumia, na súa segunda oportunidade clara de todo o partido, aproveitando o adiantamento de liñas do Villalonga (minuto 77). Iván Parada estivo listo e oportuno para arroxarse aos pés de Changui e sacar o balón evitando o seu remate.
A partir de aí, David Sierra, cos tres cambios por consumir, aproveitou a circunstancia para tirar de oficio e tentar durmir o partido, rompendo o ritmo dun Villalonga que se foi con todo arriba, adiantando mesmo ao seu central Adrián Santos á posición de segundo dianteiro.
Precisamente esa posición adiantada de Adrián Santos puido provocar o empate a falta de tres minutos, nunha deixada de cabeza para Aarón, que só ao bordo da área pequena, rematou incomprensiblemente fóra. Non era o seu día e tampouco o dun Villalonga que mereceu máis, pero caeu ante o oficio do Ribadumia.
Consulta aquí o acta do Ribadumia-Villalonga.
Relacionadas:
-
O Arosa métese na "pomada", valioso empate do Céltiga e derrotas de Ribadumia e Villalonga
Por Redacción |
-
O Arosa supera ao Céltiga, triunfo dun bo Ribadumia e derrota na casa do Villalonga
Por Redacción |
-
Changui decide un emocionante partido entre Ribadumia e Arosa e o Villalonga empata sen goles
Por Redacción |
-
Folga en Segunda B e Terceira División?
Por Diego Espiño |
-
Gañan con autoridade Arosa e Villalonga, bo empate do Ribadumia e derrota dun Céltiga que se complica
Por Redacción |