Puntuar fóra, obxectivo do Cisne na complicada saída a Bordils
Por Redacción
Despois de confirmarse como o auténtico 'mataxigantes' da categoría ao vencer a pasada fin de semana ao Palma del Río, o Club Cisne Balonmán quere dar un paso máis para seguir pelexando por un posto na fase de ascenso.
Coa permanencia xa asegurada, os pontevedreses están a só un punto do play-off, pero para manterse na pelexa faise necesario aumentar as súas prestacións cando xoga fóra da casa, auténtico talón de aquiles esta campaña para os de Jabato.
A primeira oportunidade para iso terana este sábado (20:00 horas) nunha pista das consideradas complicadas, a do Handbol Bordils.
O cadro catalán, undécimo na táboa con 15 puntos, mellora sensiblemente cando xoga arroupado polos seus afeccionados, e é que no seu pavillón sumaron 10 puntos, con triunfos soados como ante o Barcelona B ou un empate ante o Alarcos de Cidade Real.
Esixente compromiso para o Cisne que viaxará a Cataluña co seu habitual potencial ofensivo e reforzado polo rendemento defensivo demostrado no último encontro ligueiro, no que deixaron con só 17 goles a un dos mellores equipos da categoría.
Os colexiados do encontro serán os vascos Ansoleaga Torrontegui e Izquierdo Molina.
Relacionadas:
-
Dúas fochas no seu xogo condenan o Cisne en Bordils (30-25)
Por Redacción |
-
"Por min e por todos os meus compañeiros". O Cisne vence a Palma del Río (20-17) e fai despegar ao Teucro
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Mal día do Cisne, incapaz de inquietar un Barcelona B moi superior (37-30)
Por Redacción |