Máis de 400 ciclistas para a proba inaugural da Transgalaica 2017 de BTT
Por Redacción
Carballedo será un ano máis punto de partida da Transgalaica, circuíto de BTT maratón que se disputará, na súa proba inaugural, o vindeiro domingo 26 de febreiro.
Máis de 400 ciclistas daranse cita en Cerdedo-Cotobade, segundo as estimacións ofrecidas na presentación da carreira pola Federación Galega de Ciclismo e o Team Relay, organizador da oitava edición do Trofeo Concello de Cerdedo-Cotobade.
A competición discorrerá por un esixente circuíto de 57 quilómetros con saída ás 9:30 horas da mañá.
A maioría de deportistas procede de Galicia, pero tamén de Asturias ou Castela-León, coa presenza destacada de Javi Busto, vencedor da edición de 2016, ou Brandán Márquez. Na categoría feminina a gran favorita en Carballedo será Lara Lois, vixente campioa da Transgalaica.
Para o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, esta proba ciclista supón "un importante reclamo ao atraer a máis de 400 deportistas ao noso concello ao tempo que promociona a gran beleza e os valores medioambientais do noso municipio", sinalou na presentación do evento.
Tras a primeira proba, a Transgalaica pasará por localidades como Ames, A Estrada e Vigo.