Os problemas clasificatorios non desaparecen para Leis e Cidade de Pontevedra
Por Redacción
Mereceu mellor sorte o equipo do Leis Pontevedra na xornada da Segunda B masculina de fútbol sala, na que recibiu no Municipal a un dos equipos da zona alta da táboa, o Guardo FS (2-6).
A gran actuación do porteiro visitante desesperou aos de Manu Cossío, que saíron con intensidade pero atopáronse o primeiro gol en contra xa no minuto 2 de partido.
A pesar de levar a iniciativa, foi o Guardo o que no seu segundo achegamento ampliaba a súa vantaxe, aos cinco minutos, facendo o 0-3 no 11 tras un saque de esquina para desesperación local.
Tras o descanso o Leis saíu decidido a recortar distancias. Púidoo lograr Miguel no 22, pero atopouse co pau. Sucedíanse as oportunidades dos pontevedreses, pero de novo o que acertaría, na que era a súa primeira opción do segundo tempo, xa no 32, sería o Guardo. Só un minuto despois Pablo facía o primeiro para os locais e Manu Cossío apostaba polo porteiro-xogador para esgotar as súas opcións.
O que chegaría primeiro sería o 1-5, para que logo Barcala fixese o segundo a dous minutos do final. Só houbo tempo para, faltando segundos, o Guardo completase a goleada e deixase tocado ao Leis, que segue na penúltima posición con 10 puntos.
DERROTAS DE LEIS E CIDADE NA SEGUNDA FEMININA
Plantou cara o Leis a un dos mellores equipos do Grupo IV da Segunda Feminina, o Colmenarejo (2-4) pero terminou cedendo e segue na zona baixa da clasificación.
Pese ao dominio inicial das pontevedresas, as primeiras en golpear foron as visitantes nunha xogada ensaiada pouco despois do inicio do choque. Apertaban as pontevedresas, pero chegaría o segundo do Colmenarejo no minuto 9.
Non se rendeu o Leis e no minuto 15 recortaba distancias por medio de Ali, tras un roubo de balón. Con todo na continuación as visitantes aproveitaron unha contra para facer o 1-3. Seguiu presionando o cadro local e cun dobre penalti, no 38, tranformado Lucía poñía emoción aos minutos finais. Lanzouse o Leis a por a remontada, pero o que chegou foi a sentenza do Colmenarejo xa no minuto 39.
A derrota deixa ás pontevedresas na penúltima posición do seu grupo con 13 puntos.
Tamén é penúltimo no seu grupo, o primeiro, o Cidade de Pontevedra que perdeu no seu caso de maneira contundente na cancha do un rival directo, o Stilo (9-1), e queda con 11 puntos na táboa prolongando o seu mal momento.