O Club de Baile Pontevedra preséntase en sociedade
Por Redacción
Desde principios de ano a cidade de Lérez conta cunha nova entidade deportiva, o Club de Baile Pontevedra.
O club presentouse en sociedade a pasada fin de semana cun acto no Centro Comercial A Barca coa bitola de ser "o único club da cidade que practica o baile deportivo como modalidade principal", sinalaron.
Baixo a presidencia de Eva Piñón e a dirección de Breogán Pérez, adestrador e xuíz nacional de bailes caribeños, danza coreografica e baile deportivo, a entidade aspira a promocionar o baile "como deporte completo".
As instalacións do Centro Leste acollen actualmente as súas actividades, para nenos e adultos, divididas en dúas liñas de actuación, o baile social como actividade diaria para todos os públicos e o baile deportivo e de competición.
Na súa presentación, ademais de dar a coñecer a xunta directiva do club, bailaríns de diferentes escolas da comarca realizaron exhibicións de baile.