O Sanxenxo dispárase, o Unión Grove ve freado o seu bo momento e o Portonovo volve tropezar
Por Redacción
Terceira vitoria consecutiva do Xuventú Sanxenxo en liga que lle vale para ascender á sétima praza da clasificación no Grupo Sur de Preferente con 36 puntos.
Os amarelos venceron a domicilio ante o Ourense (0-1) nun duelo no que sacaron a relucir a súa versión máis sólida.
Un gol de Adrián Freire aos 6 minutos de partido resultou suficiente ao Sanxenxo, que defendeu a renda con acerto e mesmo puido ampliala nalgunha ocasión.
Consulta aquí o acta do Ourense CF-Xuventú Sanxenxo.
Non termina de deixar atrás o seu mal momento de resultados o Portonovo, que encadea xa catro xornadas sen gañar despois do empate logrado en Baltar ante o Atios (2-2).
Os arlequinados puxéronse en vantaxe aos 18 minutos, pero non lograron auguantar a renda e ao descanso o Atios tiña volteado o marcador.
Mario, no 55, fixo a igualada e o Portonovo puido completar a remontada, especialmente nos últimos minutos ao xogar en Atios en inferioridade, pero non estivo acertado e tivo que conformarse coa repartición de puntos.
O empate deixa aos de Borja Burgos na décimo quinta posición con 25 puntos.
Consulta aquí o acta do Portonovo-Atios.
Viu freado o seu bo momento o Unión Grove, superado nos últimos minutos dun vibrante duelo no Monte da Vila ante o Caselas (2-3).
O cadro meco tivo o partido na súa man. Diego Lorenzo adiantou aos locais aos 36 minutos, pero o Caselas igualou xa ben avanzada a segunda metade, no 72.
Cando todo parecía encamiñado ao empate, Diego Blanco facía o 2-1 no 86 e achegaba o triunfo, pero os visitamtes contra prognóstico remontaron en dous minutos para levar o triunfo.
A pesar da derrota o Unión Grove é décimo clasificado con 33 puntos.