Arantxa Mallou, un talismán para o Arxil
Por Redacción
A súa chegada supuxo un revulsivo para o Club Baloncesto Arxil, que atravesaba entón un momento de dúbidas e depresión deportiva debido ás lesións e a saída dunha das fichaxes estrela do pasado verán, Waleska Pérez.
Desde que Arantxa Mallou viste a camiseta verde o Arxil non perdeu ningún encontro na Liga Feminina 2 e reenganchouse á pelexa por entrar no play-off de ascenso á máxima categoría grazas a tres vitorias consecutivas.
A escolta compostelá alcanza 10,3 puntos, 4 rebotes e 11,3 de valoración nos tres partidos que disputou co equipo pontevedrés, pero máis que os números a súa presenza permitiu librar presión a compañeiras como Minata Keita, María Lago ou mesmo Carla Fernández, que elevaron o seu rendemento nas últimas semanas.
A dinámica positiva animou ao club verde, que se ve pelexando polo play-off ata final de tempada. Están agora a un triunfo da cuarta praza con nove partidos por xogar, pero tendo en conta o difícil compromiso ligueiro do Joventut Les Corts, que ocupa o último posto de fase de ascenso e debe afrontar un derbi barcelonés ante o Lima-Horta, o Arxil ve na próxima fin de semana unha boa ocasión para igualarlles na clasificación.
As pontevedresas reciben este sábado (19:30 horas) no Centro Galego de Tecnificación Deportiva ao Ponce Valladolid, un equipo que ocupa actualmente a penúltima posición pero que se reforzou este inverno. Con moito en xogo, a directiva pediu á súa afección que arroupe ao equipo e axude a lograr o cuarto triunfo seguido en liga.
Relacionadas:
-
O Arxil, a continuar a súa xeira positiva en Vigo
Por Redacción |
-
O Arxil supera o pechacancelas Ponce Valladolid (62-58) para situarse en zona de play-off
Por Redacción & Diego Torrado |
-
O Arxil engánchase á pelexa polo play-off tras vencer en Barcelona (60-65)
Por Redacción |
-
Un triplo de Minata Keita na prórroga permite ao Arxil superar a Joventut Les Corts (66-64)
Por Redacción |
-
A escolta compostelá Arantxa Mallou incorpórase ao Arxil
Por Redacción |