Un selo de calidade deportiva, idea da Deputación para recoñecer as boas prácticas de entidades e clubs
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra quere crear un selo de calidade deportiva para recoñecer as boas prácticas de entidades e clubs. Trátase dun proxecto que contará cunha imaxe de marca que premiará os valores positivos como o xogo limpo ou o traballo en equipos e fomentará hábitos de vida saudable a través do deporte.
É un das ideas que recolle o Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020 da Deputación, presentado este martes a entidades deportivas e concellos da provincia na sede de Turismo Rías Baixas, no pontevedrés Palacete das Mendoza.
A administración elaborará durante o próximo trienio un plan director de instalacións deportivas co que pretende avaliar o estado das instalacións e espazos deportivos da provincia, coñecer a súa ocupación e valorar a creación de novas infraestruturas.
O plan estratéxico recolle ademais o impulso das escolas deportivas, as DEPOrte Escolas, levando a cabo campañas de publicidade e campañas informativas dirixidas a entidades locais e ás asociacións de nais e pais.
Outras das cuestións que implicará a posta en marcha do plan será o fomento do tecido asociativo aprobando liñas de colaboración económica por concorrencia competitiva para o fomento da práctica deportiva ou para o financiamento dos clubs con equipos de alto nivel.
Ademais a Deputación poñerá en marcha unha "ferramenta 3.0" coa intención de mellorar a xestión do deporte na provincia, coa intención de que se converta nun centro de consulta e información dixital sobre eventos, campionatos, adquisición de materiais, etc.
O Plan Estratéxico do Deporte 2017-2020, presentado polos deputados Chelo Besada e David Regades, foi elaborado coa colaboración e achega de ideas de "todas as federacións, centros deportivos, universidade, entidades deportivas, clubs e concellos da provincia", sinala a Deputación a través dun comunicado.