Gaña o Sanxenxo, o Unión Grove prolonga a súa boa xeira e o Portonovo cae no campo do pechacancelas
Por Redacción
Non hai quen pare en 2017 ao Unión Grove, que segue a súa escalada na clasificación grazas á súa quinta vitoria consecutiva na Preferente, esta vez na casa do Atios (1-2).
O cadro meco ascende á novena posición con 33 puntos, despois dun partido no que mostrou a súa versión máis sólida.
Caamaño adiantou ao Grove aos 6 minutos de xogo, pero os locais igualaron pouco despois. Máis tarde, pouco antes do descanso, Saúl fixo o segundo para o Unión, que na segunda parte conseguiu defenderse con acerto das acometidas do Atios para salvar un importante triunfo.
Consulta aquí o acta do Atios-Unión Grove.
Tamén gañou o Xuventú Sanxenxo, no seu caso para sumar o seu segundo triunfo seguido en liga que lle permite seguir o paso do Grove na décima posición, tamén con 33 puntos.
Os amarelos venceron en Baltar de Arriba ao Gondomar (2-1) nun choque no terminaron pedindo a hora polo apertado do marcador.
Luciano aos 18 minutos puxo en vantaxe aos de Óscar García, mentres Javi Prieto parecía sentenciar co segundo tras o descanso. Con todo os visitantes recortaron distancias no 65 e mantiveron a emoción ata o final.
Consulta aquí o acta do Xuventú Sanxenxo-Gondomar.
Non lle van tan ben as cousas ao Portonovo, que encaixou a súa terceira derrota consecutiva e achégase de novo aos postos perigosos, que parecía abandonar.
Os arlequinados víronse sorprendidos a domicilio polo equipo que ocupaba ata o de agora o faroliño vermello, o Verín (3-1), e quedan na décimo quinta posición con 24 puntos.
Tomou vantaxe o Portonovo aos 14 minutos cun gol de Javi Míguez, pero non foi capaz de manter a súa renda e o Verín remontou con tres goles na segunda metade do encontro.