O Poio Pescamar xoga o pase á final da Copa Xunta
Por Redacción
A un partido da final da Copa Xunta de fútbol sala está o Poio Pescamar, que buscará este mércores (20:25 horas) alcanzar un dos obxectivos marcados a principio de tempada, disputar o partido polo título autonómico.
Para logralo as vermellas deberán superar na Seca a un rival tamén da máxima categoría, o Cidade das Burgas, nunha eliminatoria que se celebrará a partido único.
Marcio Santos tivo tempo para preparar o choque polo descanso en Primeira División a pasada fin de semana, e poderá contar con todo o plantel dispoñible para unha cita na que piden o apoio da súa afección.
O Cidade das Burgas, un equipo que mestura experiencia e mocidade e no que destacan as internacionais Iria Saeta e Ana, ocupa a sétima praza en liga, cos mesmos puntos que o Poio Pescamar na igualada loita por finalizar a tempada entre os oito primeiros.
A outra semifinal da Copa Xunta disputarana Ourense Envialia e Burela Pescados Rubén.