Punto de partida para a X Copa Deputación de fútbol
Por Redacción
A décima edición da Copa Deputación de fútbol empeza a tomar forma, despois do encontro mantido este venres entre a presidenta provincial, Carmela Silva, e os representantes da Federación Galega de Fútbol en Pontevedra e Vigo, Jaime Otero e Gustavo Falque.
Na reunión acordouse que o sorteo dos cadros de competición realícese o próximo 16 de febreiro en Vigo e o día 17 en Pontevedra, que a primeira rolda comece o día 6 de marzo e que a final se xogue este ano nun campo pertencente á delegación pontevedresa. Ademais acordouse que a Deputación se encargue do pago da arbitraxe dos clubs locais que sexan eliminados na primeira rolda.
"Case a metade das licencias de fútbol de Galicia están aquí, o que demostra a importancia deste deporte para a nosa provincia", motivo polo que "a través desta Copa pretendemos impulsar tanto o deporte de base como o fútbol feminino e promover a práctica deportiva", sinalou Carmela Silva tras o encontro.
Os clubs en participar na X Copa Deputación deben formalizar a súa incripción a partir do próximo luns 30 de xaneiro e ata o 12 de febreiro.
O pasado ano participaron na Copa Deputación máis de 1.000 equipos en todas as categorías, dos cales un cento correspondías á categoría senior masculina, 25 á feminina e o resto ás categorías de base.