O waterpolo feminino reclama o seu espazo
Por Redacción
O traballo por fomentar a práctica do waterpolo entre as categorías de base femininas empeza a dar os seus froitos, como demostra o número de xogadoras federadas que aumenta cada ano.
Desta forma, en Galicia os clubs xa non só contan con equipos absolutos. Desde a pasada campaña instauráronse competicións en idade cadete e este ano, na súa segunda edición, o Campionato Galego Cadete reunirá en Pontevedra a catro equipos da comunidade.
A piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva será escenario da competición o vindeiro sábado 28 de xaneiro.
De 11:30 a 13:30 horas e de 16:20 a 19:00 horas xogaranse o título autonómico o club anfitrión, o Waterpolo Pontevedra, xunto a CW Santiago, Asociación Coruñesa e RCN Vigo.
"Esta categoría nació para potenciar el waterpolo femenino y va creciendo", recoñece Javi de Sáa, responsable deportivo do Waterpolo Pontevedra. Así o demostra que na súa primeira edición a falta de xogadoras obrigaba a xogar coas regras do 'miniwaterpolo', pero agora as cousas cambiaron, xa que "hay más jugadoras en todos los equipos y se jugará con las reglas normales".