Breogán e Ciudad de Pontevedra serán protagonistas na Gala Nacional de Piragüismo
Por Redacción
O auditorio do Comité Olímpico Español, en Madrid, será escenario o próximo 4 de febreiro da XXXIV Gala Nacional de Piragüismo, na que terán protagonismo o Breogán do Grove e a Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra.
A Real Federación Española de Piragüismo repartirá os premios aos mellores deportistas de clubs do ano 2016, resultando galardoados en varias categorías os clubs pontevedreses.
En concreto Laura Naveiro, do Club Breogán, foi elixida como a mellor deportista feminina na modalidade de paracanoe. O club meco recibirá tamén o trofeo de vencedor da Copa da Raíña e da primeira Liga Sprint Feminina, ademais do galardón por terminar no terceiro posto na liga Sprint Olímpico.
Pola súa banda o Ciudad de Pontevedra triunfou na Copa Feminina Xuvenil e foi terceiro na liga Sprint Feminina. Tamén se impuxo na Copa Infantil Feminina, pero esas categorías non recibirán recoñecemento na gala.
Entre o resto de premiados, destaca o galego Cristian Toro, do Club Fluvial Lugo, campión olímpico en Río de Janeiro e que recibirá o premio David Cal ao mellor deportista masculino xunto aos tamén campións olímpicos Saúl Craviotto e Marcus Cooper.
Tamén será galardoado Roi Rodríguez (Kayak Tudense) como mellor deportista masculino sub-23 ou o canoísta David Barreiro (Náutico Rodeira), mellor deportista xuvenil. Completan os recoñecementos a clubs galegos o Kayak Tudense, segundo na liga Sprint Olímpico e gañador da Copa do Rei, o Club Piragüismo Penedo como vencedor da liga Xóvenes Promesas de Slalom, co Náutico Pontecesures no segundo posto, e o Club Piragüismo Montaña Quixós, terceiro clasificado na liga de Descenso de Augas Bravas. Tamén se fará mención ao apoio do Concello de Catoira á celebración do Congreso Internacional de Adestradores.