O Poio Pescamar viaxa á Rioxa para pechar unha sobresaliente primeira volta
Por Redacción
A Rioxa (sábado, 18:00 horas) é a última parada do Poio Pescamar na primeira volta da competición na Primeira División feminina de fútbol sala.
O cadro vermello ten na súa man pechar unha metade de liga histórica, a súa mellor primeira volta na máxima categoría.
De gañar, as pontevedreses colocaríanse con 24 puntos, e de paso consolidaríanse na oitava praza, que daría acceso a final de liga a disputar a Copa, principal obxectivo da tempada.
A loita por entrar nos oito primeiros está a ser moi igualada, polo que o Poio quere deixar atrás canto antes o inesperado tropezo da última xornada ante o Rubí.
Marcio Santos conta con todo o plantel dispoñible para a cita, na que tentarán sumar tres importantes puntos na cancha do pechacancelas da competición, xa que o FSF Rioja só gañou un encontro na presente tempada.