Saleta Castro ficha por un equipo belga
Por Redacción
Novo reto profesional na carreira de Saleta Castro, que a partir de agora defenderá as cores dun equipo de tríatlon internacional recentemente creado.
A pontevedresa fichou polo Itzu Tri, un equipo belga liderado polo seu adestrador, o dobre gañador do Ironman de Hawaii Luc Van Lierde, e que foi presentado este mércores na localidade de Beringen.
Saleta é un dos catro deportistas que forman inicialmente o equipo, e a única non belga do mesmo. Xunto a ela o Itzu Tri compóñeno Alexandra Tondeur, Amber Rombaut e Kenneth Vandendriessche, afrontando cada un diferentes obxectivos individuais ao longo da tempada.
No caso de Saleta Castro, a súa primeira competición da tempada será o OceanLava Tri Santa Cruz (12 de marzo), tendo sinalado no seu calendario tamén o Ironman de Lanzarote (21 de maio), que recoñece como o seu gran obxectivo do ano, o tríatlon de media distancia de Zarautz (11 de xuño) e o Ironman de Hamburgo (15 de agosto). Na súa planificación está tamén correr un Ironman 70.3 no mes de xullo.
Ademais de en a presentación do equipo, Saleta xa pousou coas cores do seu novo equipo nas fotos promocionais realizadas no Club La Santa de Lanzarote, onde acaba de participar nunha concentración de pretempada 15 de días.
Relacionadas:
-
Saleta Castro, quinta no Ironman de Lanzarote
Por Alejandro Espiño |
-
Saleta Castro estrea tempada e equipo cun segundo posto no TriSantaCruz
Por Redacción |
-
O tríatlon pontevedrés traslada o seu cuartel xeral a Lanzarote
Por Diego Espiño |
-
Saleta Castro, deportista 'non grata' no CGTD
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
"Feliz" primeira experiencia de Saleta Castro no Ironman de Hawaii
Por Diego Espiño |