Recoñecemento a Protección Civil e as monitoras do Club Saraiba pola súa achega ao deporte local
Por Redacción
O Concello de Poio organizará o vindeiro venres 20 de xaneiro unha gala do deporte local coa que "realzar o deporte premiando outros valores diferentes á competición".
Así o sinalou na súa presentación a concelleira de Deportes, Marga Caldas, que revelou que os premiados serán a agrupación de voluntarios de Protección Civil de Poio "por toda a súa labor e colaboración co deporte" e as monitorias do Club Saraiba de ximnasia rítmica pola "continuidade e traxectoria do clube".
O acto celebrarase a partir das 20:30 horas no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, presentado pola coñecida actriz galega Isabel Risco.
Ademais dos galardóns, elaborados pola Escola de Canteiros da Deputación, o acto contará con varias actuacións e unha mesa redonda sobre deporte local dirixida por Rafa Cabeleira, que charlará con "diferentes deportistas e persoas do deporte".
Na gala estrearase ademais o novo vídeo promocional elaborado polo Concello de Poio.