O Leis masculino rescata un punto na pista do Xove (4-4) no seu primeiro partido do ano
Por Redacción
Non puido empezar o ano con vitoria o Leis Pontevedra na Segunda División B masculina, pero polo menos foi capaz de salvar un punto na complicada pista do Xove (4-4).
Fíxoo no último minuto nun partido no que tivo opcións para gañar pero no que a punto estivo de caer sobre a bucina.
Pese ao bo inicio de partido dos pontevedreses, sería o cadro local o que se adiantaría no marcador aos 4 minutos. Empatou Martín no 8, pero antes do descanso o Xove volvía tomar vantaxe.
Os de Manu Cossío desaproveitaron un dobre penalti e pagárono ao comezo do segundo tempo co 3-1, no minuto 22. Parecía escaparse o choque, pero entón reaccionou o Leis e con bo xogo logrou empatar con goles de Martín no 28 e Barcala no 33.
Dous minutos depués os locais ponnián o 4-3, polo que o técnico pontevedrés apostou polo xogo de cinco, aposta que obtivo premio xa no último minuto nunha xogada materializada por Berto.
O empate deixa ao Leis na undécima praza con 9 puntos.
DERROTAS DE CIDADE DE PONTEVEDRA E LEIS NA SEGUNDA FEMININA
Non foi boa a xornada para os equipos pontevedreses na Segunda División Feminina, con derrotas do Leis Pontevedra no Grupo IV e do Cidade de Pontevedra no Grupo I.
O Leis cedeu en casa ante o Viaxes Amarelle (0-3) despois dunha mala primeira metade, na que non atoparon boas sensacións e encaixaron os tres tantos do partido. Na segunda melloraron as pontevedresas, pero non acertaron ante a meta rival. Coa derrota o Leis cae á penúltima posición con 12 puntos.
Pola súa banda o Cidade de Pontevedra viuse superado a domicilio polo San Viator 78 (3-1) e segue cedendo postos na táboa. É agora decimosegundo no seu grupo con 11 puntos.