Golpe de autoridade do Teucro ante o Zamora na súa primeira defensa do liderado (28-23)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
A vida segue igual para o Teucro, que non acusou o mes de inactividade e regresou á competición da mesma que acabou o ano, gañando. Fíxoo ademais nun deses partidos que valen dobre, ante un rival directo polo ascenso directo como o Balonmano Zamora, ao que superou con autoridade (28-23) para sumar o seu décimo terceiro encontro consecutivo sen perder na que era a súa primeira defensa do liderado.
Os azuis mostraron unha gran imaxe desde a defensa, do mesmo xeito que un Lloria na portería que na primeira metade parou 9 balóns e Santana que na segunda tamén aportou.
Con todo o partido non empezou ben para o Teucro, impreciso en ataque nos compases iniciais e que pronto se viu 1-3 no marcador. Afortunadamente foi un espellismo, porque os pontevedreses desperezáronse para empatar enseguida (3-3) e no minuto 11 Pichel conseguía a primeira vantaxe local (5-4).
Non deixaron desde aí de levar a iniciativa no partido os de Quique Domínguez, que romperon o choque mediado o primeiro período. Dous goles de Borja e Pichel obrigaban ao técnico visitante, Eduardo García Valiente, a parar o partido (9-6), pero lonxe de repoñerse o Zamora sufriu os mellores minutos do Teucro, que lles pechou o paso en defensa e abriu brecha grazas a tres goles consecutivos desde o extremo de Carlos García.
Parou de novo o partido o equipo visitante (12-6), e aínda que unha exclusión de Pichel e dous sete metros consecutivos minimizaron o dano para o Zamora, pero enseguida os azuis recuperaron a súa vantaxe para marchar ao descanso cinco arriba (17-12).
Na continuación chegaron os peores minutos do cadro teucrista, que chegou a ver reducida a súa distancia a un tanto (18-17, minuto 38), obrigando a Quique Domínguez a pedir tempo morto tras dous fallos consecutivos en ataque, en lanzamentos en posición vantaxosa.
Buscaba o técnico pontevedrés para a inercia e conseguiuno, entrando nun período de intercambio de golpes no que non chegou a perder a dianteira no electrónico, ata que aos poucos foron de novo abrindo oco e cun parcial de 3-0 encarrilaban o encontro (26-21), grazas tamén á aprotación de Santana na portería, en substitución de Lloria.
Non deu máis concesións o Teucro, consciente do que se xogaba, e pechou o encontro cunha imporante vitoria que vale dobre, xa que afasta a un rival directo a tres puntos e ademais gáñalle o gol average particular. Os azuis mantéñense así na primeira praza seguidos a un punto dun Palma del Río que non fallou ante o BMC.
SD TEUCRO (28): Lloria, Medina (1), Carlos García (10, 3p), Román Pedreira, Sergio Altirriba, Dani Hernández (3, 1p), Edu Moledo (1) -siete inicial- Pichel (6), Óscar Silva (1), Juan Quintas, Borja Méndez (3), Iván Fernández, Samu Gómez (3), Saúl Campo, Iglesias, Santana.
BM ZAMORA (23): Maciel, Luis Cano (5, 2p), Magadan (1), Corder (6, 1p), David Saudin (3), Guillermo García, Mouriño (4) -siete inicial- Marc Abalos (1), Fernando Ruiz, Iriarte (2), Posado, Gómez, Carlos Prieto, Adrián Prieto (1).
Árbitros: Ausas Busquets e Florenza Virgili (Cataluña). Excluíron a Pichel e Medina no Teucro e a Fernando Ruiz (2) e Corder no Zamora.
Marcador cada cinco minutos: 1-3, 4-4, 7-5, 12-6, 14-8, 17-12, descanso, 18-14, 20-18, 22-20, 24-21, 26-22, 28-23.
Incidencias: Partido de liga da División de Honra Prata de balonmán disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante 1.050 espectadores.
Relacionadas:
-
Sufrido triunfo do Teucro sobre BMC nun mal partido (24-22) para pechar unha volta case perfecta
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Teucro, a completar ante o BMC unha volta sen perder
Por Diego Espiño |
-
Suma e segue dun Teucro intratable que se impón con autoridade ao Grupo Covadonga (25-30)
Por Redacción |
-
Segunda defensa do liderado para un Teucro que se xoga "as castañas" en Asturias
Por Diego Espiño |
-
Prato forte para o Teucro na súa volta á competición
Por Diego Espiño |
-
Competición confirma un mes despois que Johnny Medina non será sancionado
Por Redacción |
-
Vitoria ante Xapón e boas sensacións para o Teucro (34-31)
Por Redacción |