Competición confirma un mes despois que Johnny Medina non será sancionado
Por Redacción
Un mes despois esfúmase a ameaza de sanción que arrastraba Johnny Medina desde o pasado 7 de decembro, cando foi descualificado na última acción do choque ante o Barcelona B.
Naquel momento os colexiados mostráronlle sobre a cancha o cartón vermello, que non carrexa sanción, pero no acta segundo o relato teucrista cambiouse a cor do cartón ao azul, que si levaría consigo un partido de castigo.
Desde entón, o Comité de Competición solicitou testemuños das partes implicadas, incluído un informe arbitral, e o xogador seguiu xogando á espera de resolución.
O temor no club pontevedrés era que o pivote brasileiro, peza importante no esquema defensivo de Quique Domínguez, perdese o primeiro e imporante partido do ano ante o Balonmano Zamora (sábado, 20:30 horas).
Finalmente tras reunirse durante a tarde deste mércores, e tras máis dun mes de espera, Competición decidiu arquivar de maneira definitiva o expediente, polo que Medina poderá ser aliñado o vindeiro sábado no Municipal nun duelo que pode resultar clave na loita polo ascenso directo.