Sobre a bucina gaña o Cisne ao Atlético Novás (25-24) no Memorial Manuel Luaces
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Como cada ano, o Club Cisne aproveitou as datas do Nadal e o parón no competición ligueira para celebrar o Memorial Manuel Luaces. De novo a xornada foi unha festa para o club pontevedrés, que lembraba a unha das súas lendas, nun memorial que alcanza xa o seu vixésimo terceira edición e que nesta ocasión tivo como convidado ao Acanor Atlético Novás, equipo que milita na primeira estatal.
Sobre o papel tratábase dun adestramento con público no que o Cisne debía impoñerse con relativa claridade, pero na práctica os brancos estiveron a piques de deixar escapar o partido nuns doce minutos finais cheos de desacertos ofensivos, liquidados sobre a bucina cun gol de Xosé Canedo, que deixou a vitoria na casa.
O equipo do Rosal saltou á pista moi motivado, suplindo a súa teórica inferioridade cunha maior intensidade en todas as súas accións. Iso permitiulle manterse sempre moi preto dun Cisne que levaba a iniciativa, pero non conseguía despegarse nunca máis de dous goles.
A igualdade ao descanso (11-11) manteríase nos comezos da segunda parte. Atlético Novás, da man do central arxentino López Rey, aproveitábase dos moitos cambios realizados por Jabato, que quixo dar minutos a todos os seus xogadores, poñendo en pista mesmo aos xuvenís Javi Pontanilla, Roque Arias e Daniel López, para dar a volta a un marcador que parecía sentenciado cando o Cisne apertou en defensa e escapouse cunha máxima renda de seis goles (23-17) a falta de trece minutos.
Nese momento os locais entraron nunha fase de desacerto total, encaixando un parcial de 0-7, que poñía no luminoso un sorprendente 23-24. Con pouco máis de dous minutos por diante, o Cisne arranxouno por medio de Xosé Canedo, transformando primeiro un penalti, e aproveitando despois a última posesión, tras unha falta en ataque dos visitantes, para sobre a bucina anotar o 25-24 definitivo.
Antes do partido principal do Memorial, os equipos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín do Cisne disputaron varios partidos de exhibición, completando como cada ano por estas datas unha bonita xornada de balonmán.
Tras o parón do Nadal, os de Jabato volven á competición ligueira, o vindeiro sábado, ás 20:00 horas, viaxando ata Asturias, para enfrontarse ao actual pechacancelas Gijón Jovellanos, nun partido no que de lograr a vitoria poden volver a postos de play-off, tendo en conta que os dous equipos que lle preceden na táboa, Alcobendas e Torrelavega enfróntanse entre si, na pista madrileña.
Relacionadas:
-
O Cisne acumula erros e "regala" o Manuel Luaces ao Lalín (31-35)
Por Redacción |
-
Sen necesidade de empregarse a fondo o Cisne supera con claridade a Cajasur Córdoba (32-21)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Súa o Cisne para dobregar o pechacancelas Gijón Jovellanos (22-23)
Por Redacción |
-
O Cisne anuncia a saída de Fabián González antes de viaxar a Xixón
Por Redacción |
-
Bueu prepárase para acoller a unha descafeinada Selección Galega de balonmán
Por Redacción |
-
O Cisne volve á actividade e xa se prepara para a segunda volta
Por Redacción |
-
Pablo Galán e un enorme Cisne apean o Zamora do liderado (22-21)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |