Contra o Guijuelo e a gripe no primeiro partido do ano
Por Diego Espiño
Tres semanas despois o Pontevedra Club de Fútbol volve á competición recibindo este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón ao Club Deportivo Guijuelo.
Será un partido cheo de incógnitas, por saber como afectou aos granates o longo parón de Nadal e tamén polo rendimento do seu rival, inmerso na loita pola salvación pero con potencial para escalar postos na táboa.
No Pontevedra, que quere manter a súa imbatibilidade en casa, un dos maiores protagonistas da semana foi o virus da gripe, que minguou ao plantel e provocará varias baixas no primeiro partido do ano.
Os máis afectados foron Gonzalo e Jacobo Millán, pero non foron os únicos, ao que se suman os problemas físicos que arrastrou David Añón, con molestias no seu nocello.
Luisito, que deu descanso aos seus xogadores o Día de Reis antes de afrontar este sábado a última sesión preparatoria da semana, esperará ata o último momento, como é habitual nos encontros da casa, para confeccionar a convocatoria.
Tamén chegará con baixas o Guijuelo, que non poderá contar para a cita con Ayub, lesionado de longa duración, Granell e os centrocampistas Jonxa Vidal e Néstor Gordillo.
O colexiado do encontro será o madrileño Miguel Ángel Ortiz Arias, que xa arbitrou esta campaña ao Pontevedra na derrota (3-0) ante a Cultural Leonesa.
Relacionadas:
-
Xogando con lume o Pontevedra supera o Guijuelo nun discreto partido (2-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
David Añón, incógnita granate tras o primeiro adestramento do ano
Por Diego Espiño |
-
Un Pontevedra de dúas caras empata co Compostela na Estrada (3-3)
Por Redacción |
-
Os xogadores do Pontevedra empezan a baixar o turrón
Por Diego Espiño |
-
Acudir ou non ao mercado de fichaxes, velaí a cuestión
Por Diego Espiño |