O 2017 arranca en Murcia para o Poio Pescamar
Por Redacción
Despois de máis dun mes de parón polos compromisos da Selección Española e as vacacións de Nadal, o Poio Pescamar retoma a actividade ligueira co obxectivo de asaltar a oitava praza da clasificación na Primeira División Feminina de fútbol sala.
O equipo vermello visita este sábado (18:00 horas) a cancha do UCAM El Pozo Murcia, inmerso na loita pola permanencia na máxima categoría con 8 puntos, tres máis que os postos de descenso.
Marcio Santos preparou a conciencia o choque coa intención de non acusar a inactividade.
Será ademais a primeira ocasión na que Mónica González, gardameta procedente do Cidade de Pontevedra de Segunda División, poida defender a camiseta do Poio Pescamar tras a súa recente fichaxe polas vermellas.