Driss El Mokarrabe, de inmigrante ilegal a orgullo do Mareantes Rugby Club
Por Alejandro Espiño
Chámase Driss El Mokarrabe. Ten 17 anos e é de orixe marroquí. Converteuse no orgullo do Mareantes Rugby Club. Na súa segunda tempada de competición e a súa primeira participación cun combinado territorial, foi elixido como Mellor Xogador Sub18 do Campionato de España B de Seleccións Autonómicas celebrado este fin de semana en Lorca (Murcia). Nel, Galicia fíxose coa medalla de prata.
Pero máis aló dos seus éxitos deportivos, é o protagonista dunha bonita historia de superación persoal e integración grazas ao rugby. Como outros tantos inmigrantes ilegais, Driss El Mokarrabe chegou a España asido aos baixos dun camión en busca dunha vida mellor. Sacrificou parte da súa infancia para sobrevivir e ao contrario de moitos, as súas calidades innatas para o deporte non son garantía dun futuro mellor.
Driss recalou primeiro no fútbol, pero o seu difícil carácter, forxado na escola da rúa xogou na súa contra. A pasada tempada descubriu o rugby durante un programa de formación e captación realizado polo Mareantes Rugby Club, que levou a varios monitores ao seu centro educativo, e atraído por este novo reto aterrou nun deporte que lle vai como anel ao dedo pois a súa fortaleza física e mental convértenlle nun verdadeiro "coco" para os seus oponentes.
Din del os seus adestradores que é "a proba viva de que algo se está facendo ben". Descríbeno como un mozo cunhas calidades físicas privilexiadas e a psicomotricidade dun atleta de élite, "poderiamos estar falando dun medallista olímpico", explican.
Destacan o seu labor de liderado cos seus compañeiros, aos que sempre anima a traballar, esforzarse e sacrificarse polo ben do conxunto, e o coidado e protección que exerce sobre os compañeiros máis pequenos do club, pertencentes a equipos de categorías inferiores, mostrando sempre dispoñibilidade para axudalos e animalos no seu esforzo.
A actual loita dos adestradores e directivos do club pontevedrés é actualmente máis persoal que deportiva e vai en pos de converter a Driss nun home de proveito, que se integre no tecido social e poida reclamar a súa oportunidade con todos os dereitos, e de momento, con todas as dificultades que iso implica, "parece que imos no bo camiño", afirman os seus adestradores.
"Esperemos que esta sexa a primeira de moitas boas noticias que poidan acompañar a Driss na súa bagaxe deportiva, e sobre todo... na súa vida", sinalan desde o club.