O Memorial Ramón Escudeiro Tilve de xadrez reduce días de competición pero mantén o seu carácter internacional
Por Diego Espiño
O Hotel Galicia Palace volverá ser escenario do Memorial Ramón Escudeiro Tilve de xadrez, aínda que na súa quinta edición produciranse cambios no seu formato.
A falta de apoios obrigou á Escola Xadrez Pontevedra a reducir de cinco a dous os días de competición, pero mantén o carácter internacional da cita.
As principais figuras de xadrez galego, así como deportistas do resto de España, Portugal e doutros países daranse cita na cidade de Lérez os días 27 e 28 de decembro.
A pesar de verse obrigado a iso, a intención da Escola Xadrez é "retomar os cinco días o próximo ano" e volver ao seu formato habitual, sinalou na presentación Daniel Rivera, representante do club que compareceu ante os medios xunto á concelleira de Deportes, Anxos Riveiro.
Na cita poderase ver en acción a xadrecistas de todas as idades, desde a categoría sub-8 ata a absoluta, nunha competición que repartirá 3.500 euros en metálico en premios, con recompensas de 600, 400 e 300 euros para os tres primeiros clasificados da categoría xeral.
"O noso principal obxectivo é honrar a memoria e os valores deste gran deportista", sinalou Daniel Rivera lembrando a Ramón Escudeiro.
A competición arrincará ás 18:00 horas do día 27 de decembro, mentres o día 28 as partidas disputaranse desde as 10:30 horas da mañá e ata ben entrada a tarde.