Recompensa nacional para o Pontevedra Rugby Club
Por Redacción
O esforzo e traballo do Pontevedra Rugby Club coas súas categorías inferiores atopou estes días recompensa coa inclusión de tres dos seus xogadores nas convocatorias do Campus de Alto Rendemento de Aninovo organizado pola Federación Española de Rugby.
Trátase das xogadoras sub-18 Teresa Gálvez e Valle Viñas e do sub-16 Anxo Gómez.
Os tres foron seleccionados nun grupo selecto de 30 xogadores na súa categoría, procedentes das diferentes federacións territoriais, para participar nunha concentración que se levará a cabo en Madrid.
Anxo Gómez será o primeiro en acudir a estas xornadas, na súa primeira presenza nunha concentración de semellante nivel, que se celebrarán para a súa categoría do 26 ao 30 de decembro.
Pola súa banda Teresa e Valle repiten por segundo ano convocatoria para uns adestramentos que se desenvolverán do 2 ao 5 de xaneiro.
Estes Campus de Alto Rendemento puxéronse en marcha no ano 2015 para tentar detectar talento e potenciar o nivel do rugby nacional.