Goleada do Marcón ao líder Beluso mentres o Pontevedra B deixa escapar o triunfo na Guarda
Por Redacción
Gañar e con goleada ao líder non está ao alcance de calquera. Fíxoo o Marcón, que se impuxo ao Beluso por 3-0 nun gran partido dos de Luís Oliveira, que lles mete de cheo na loita polo ascenso.
O Marcón resolveu o partido en apenas tres minutos, na recta final do primeiro tempo, como consecuencia do seu dominio, con dous goles conseguidos por Berto e Valiñas.
Non atopou resposta o Beluso, que encaixaba un terceiro gol pouco antes da hora de xogo, obra de Iván, que deixaba o partido definitivamente sentenciado e a un Marcón crecido que vai a máis cada xornada.
Consulta aquí o acta do partido Marcón Atlético-Beluso.
Primeiro partido con Roberto Feáns no banco do filial granate en substitución de Santi Mariño, e empate amargo a domicilio na Sangriña, fronte a un Sporting Guardés que rescatou un punto cando xa a vitoria visitante parecía inevitable.
O Pontevedra B adiantábase no primeiro tempo, grazas a un penalti transformado por Jesús Ramos. As cousas parecían pintar moi ben cando a falta de tres minutos o Guardés quedaba cun menos ao ser expulsado Saúl, pero case sen tempo para sacar proveito desa superioridade numérica, un minuto máis tarde, Iván Rodríguez establecía o empate final que deixaba aos granates co mel nos beizos.
Consulta aquí o acta do partido Sporting Guardés-Pontevedra B.