Ante o Caudal, a pechar a primeira volta con pleno de vitorias na casa
Por Diego Espiño
Último partido do ano para un Pontevedra que quere pechar a primeira volta da competición asentado nos postos de play-off de ascenso.
Para iso deben derrotar este domingo en Pasarón (17:00 horas) ao Caudal Deportivo, equipo recentemente ascendido pero que marcha nunha cómoda undécima posición. Será un duelo entre o mellor local da categoría contra o segundo peor visitante do Grupo I, posto que os asturianos só sumaron seis puntos a domicilio na presente tempada.
A pesar destes números non se fía o Pontevedra, que busca o pleno de vitorias no Estadio Municipal de Pasarón durante a primeira volta da competición.
Luisito non poderá contar para a cita con Kevin Presa, que descansará debido ás molestias musculares que lle obrigaron a pedir o cambio a pasada xornada en Aranda de Duero , ademaís de co lesionado Iker Alegre.
Pola súa banda o Caudal recupera ao ex-granate Noel Alonso tras dous partidos de sanción, pero perde ao centrocampista Óscar Pérez, expulsado no choque ante o Celta B.
O colexiado do encontro será o castelán-leonés Alfonso Vicente del Moral, que xa arbitrou esta campaña nunha ocasión aos granates, na derrota pola mínima en Vigo ante o Celta B.
RECOLLIDA SOLIDARIA DE ALIMENTOS
O Pontevedra puxo en marcha esta semana unha recollida solidaria de alimentos, que continuará o día do partido, desde unha hora antes na oficinas do club.
Como incentivo, o socio que participe na campaña con polo menos un quilo de comida poderá retirar unha invitación para o partido, para o Fondo Sur, ou adquirir dúas entradas para calquera outra bancada ao 50% de desconto.
Relacionadas:
-
Os excesos en Nadal teñen castigo no Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Á décima non puido ser e o Caudal evita a "volta perfecta" do Pontevedra en Pasarón (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O gol non só é cousa de Mario Barco
Por Diego Espiño |
-
Santi Mariño deixa de ser o adestrador do Pontevedra B
Por Diego Espiño |
-
Pisa firme o Pontevedra que non dá opción á Arandina e volve gañar a domicilio (0-2)
Por Redacción |
-
Un Pontevedra de dúas caras golea o Boiro (4-0) no día que Pasarón lembra a Filipe Machado e ao Chapecoense
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |