Jean Marie Okutu, decimocuarto, fóra da final de lonxitude no Europeo de pista cuberta de Goteborg
Por Alejandro Espiño
Era un obxectivo complicado e, malia o seu esforzo, non o conseguiu. O marinense Jean Marie Okutu quedouse fóra da final de salto de lonxitude no Europeo de atletismo de pista cuberta que se está celebrando en Goteborg (Suecia). Quedouse a 30 centímetros. O seu mellor salto, 7.65 metros, foron insuficientes para poder loitar polas medallas. Quedou no posto decimocuarto.
O atleta de orixe ghanés, actualmente nas filas do F.C. Barcelona, comezou a competición cun discreto salto de 7.27 metros, moi lonxe da súa marca persoal, 7.79 metros. Tras un segundo salto nulo, Jean Marie Okutu mellorou no seu terceiro e último intento. Chegou ata eses 7.65 metros, insuficientes para acceder á final. O último posto que daba acceso á rolda definitiva foi para o finés Tommien Evilä, que saltou 7.95 metros.
En todo caso, para Okutu xa era todo un éxito ser seleccionado para este Europeo. Aínda que non conseguira a marca mínima para poder participar (quedouse a oito centímetros nos Campionatos de España celebrados en Sabadell), foi chamado polo director técnico da Federación Española de Atletismo, Ramón Cid, pola súa boa traxectoria durante toda a tempada.
Foi o seu debut nunha competición europea en categoría absoluta. Aspiraba a situarse entre os oito primeiros de Europa en pista cuberta, pero cos resultados que se deron tería que mellorar 16 centímetros a súa marca persoal para poder clasificarse para a final. Pero sen dúbida, tempo terá de facelo.