As Triscas, un club que non para de crecer
Por Diego Espiño
Con máis de 100 nenas inscritas entre a escola municipal e as categorías inferiores do club, As Triscas segue dando pasos para seguir crecendo e estendendo a práctica da ximnasia rítmica en Pontevedra.
A súa boa tempada, con notables resultados nos campionatos galegos e especialmente nos recentes nacionais celebrados en Valladolid, propiciaron unha homenaxe no Concello de Pontevedra.
A concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, recibiu este luns a unha representación de deportistas e ás súas adestradoras, que explicaron os progresos do equipo que lle levaron a ser unha das revelacións nos nacionais.
Alí o equipo alevín das Triscas finalizou na sétima posición de entre máis de 70 clubs, pero tamén o equipo xuvenil ou o cadete realizaron unha boa competición, completada pola actuación individual de varias ximnastas.