Boa imaxe do Leis Pontevedra ante o Santiago Futsal en Copa Xunta (1-4)
Por Redacción
Bo ambiente no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra para o choque de cuartos de final da Copa Xunta entre Leis e Santiago Futsal.
Os pontevedreses plantaron cara a todo un rival da máxima categoría, pero terminaron cedendo por 1-4.
O Santiago empezou o partido cunha presión alta que dificultaba a saída de balón local, pero a defensa do Leis conseguía parar o ataque visitante e as ocasións eran escasas.
Foi así ata o minuto 11, cando Palmas facía o 0-1 despois dunha boa xogada do seu equipo. Catro minutos despois Tallón poñía o 0-2 no marcador. Non se descompuxo o Leis, que defendía con intensidade e buscaba a súa oportunidade, pero cargouse pronto de faltas e no minuto 16 un dobre penalti foi aproveitado por Catela para facer o terceiro.
Tamén o Santiago Futsal chegou ás cinco faltas e iso aproveitárono os de Manu Cossío para recortar distancias, cun dobre penalti no 18 transformado por Dani.
Tras o descanso o cadro compostelán fixo empregarse a fondo ao gardameta local, Álex, mentres o seu equipo buscaba sen acerto chegar á meta rival. Co marcador aínda aberto, Manu Cossío apostou por xogar de cinco no minuto 37, pero na primeira perda Palmas sentenciaba o choque co 1-4.
A pesar da derrota, o choque supón unha boa dose de moral para o Leis no seu obxectivo de remontar posicións na clasificación da Segunda División B.