Os escolares de Cuntis descobren os segredos do baloncesto en cadeira de rodas
Por Redacción
"Encántame ensinar o noso deporte e o noso mundo, e que os rapaces vexan que nin estamos nunha cama ou encerrados na casa". Son palabras do vigués Agustín Alejos, xogador do Vigo AMFIV de baloncesto en cadeira de rodas tras realizar unha exhibición en Cuntis.
Todo un exemplo de actitude ante a vida do que puideron gozar un cento de escolares do colexio Aurelio Marcelino Rey nunha exhibición organizada pola Asociación Avanzar Umia-Ulla, en colaboración de Termas de Cuntis, con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra o próximo 3 de decembro.
Alejos, recente medalla de prata nos Xogos Paralímpicos de Río de Janeiro coa Selección Española, foi un dos protagonistas da xornada, na que ademais dunha exhibición na pista celebrouse unha charla sobre o baloncesto en cadeira por parte do director técnico do AMFIV, club que foi tres veces subcampión de Europa.
O director do colexio, Miguel Louzao, destacou a importancia educativa de que os alumnos "vexan cos seus propios ollos estas realidades, ademais de coñecer o que hai tras elas".
"O obxectivo é concienciar aos nenos, independentemente da discapacidade que cada un teña, porque se poden facer cousas incribles, porque querer é poder", sinalou á súa vez María Jesús Maquieira, presidenta de Avanzar Umia-Ulla.
Esta asociación, fundada en 2008 por un grupo de persoas con discapacidade, integra aos concellos de Caldas de Reis, Catoira, Valga, Moraña, Cuntis, Pontecesures e Portas e conta actualmente con 70 socios.