O Pontevedra lembrará a Filipe Machado no partido ante o Boiro
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol aproveitará o seu próximo partido ligueiro, o domingo (17:00 horas) ante o Boiro en Pasarón, para lembrar a figura de Filipe Machado, ex-xogador do club falecido no tráxico accidente aéreo do Chapecoense brasileiro.
O club granate ten previsto colocar antes do partido no centro do campo a camiseta que vestiu Filipe, co número 22 ás costas, durante a tempada na que xogou na cidade de Lérez, na 2006/2007.
Ademais o equipo lucirá crespón negro na súa memoria.
Estes sinxelos actos de recordo únense ao minuto de silencio que se gardará antes do partido, do mesmo xeito que no resto de estadios de España, segundo anunciou a Real Federación Española de Fútbol.
Filipe Machado xogou 35 partidos no Pontevedra durante unha tempada na Segunda División B, 32 deles como titular, nun ano no que o cadro granate comezou baixo a dirección de Alberto Argibay e terminou con Javi Gracia no banco e unha dolorosa eliminación na fase de ascenso ante o Córdoba.
Tras pasar por Pontevedra o lateral brasileiro inición un periplo por diferentes países antes de decidir volver a casa hai uns meses para fichar polo Chapecoense, co que ía xogar a final da Copa Suramericana ante o Atlético Nacional de Medellín cando se produciu o fatal accidente.
Relacionadas:
-
Un Pontevedra de dúas caras golea o Boiro (4-0) no día que Pasarón lembra a Filipe Machado e ao Chapecoense
Por Ramiro Espiño & Cristina Saiz |
-
Pasarón quere cantar a novena ante o Boiro
Por Diego Espiño |
-
Un partido de sanción para Capi e dous ao 'Secre'
Por Redacción |
-
O ex futbolista do Pontevedra Filipe Machado, entre os pasaxeiros do accidente aéreo do Chapecoense brasileiro
Por Diego Espiño |