O ex futbolista do Pontevedra Filipe Machado, entre os pasaxeiros do accidente aéreo do Chapecoense brasileiro
Por Diego Espiño
Xogou só unha campaña no Pontevedra Club de Fútbol, a 2006/2007, pero deixou un grato recordo no club, afección e compañeiros polo seu carácter alegre e as súas carreiras pola banda esquerda.
Filipe Machado atópase entre os vítimas do avión accidentado nas proximidades do aeroporto de Medellín, en Colombia, no que viaxaba o Chapecoense brasileiro.
No avión viaxaban 81 persoas, dos cales 72 eran pasaxeiros entre plantel, corpo técnico, directiva e prensa que cubría ao equipo, que se dispoñía a disputar o primeiro partido da final da Copa Suramericana ante o Atlético Nacional.
O voo, que fixo escala en Bolivia, debía aterrar en Medellín durante a madrugada deste martes (hora española).
Filipe Machado disputou un total de 35 partidos de liga como granate, nunha tempada que empezou con Alberto Argibay no banco e concluíu con Javi Gracia, que colleu o mando do equipo a metade de curso. Tras o seu paso pola cidade do Lérez converteuse nun auténtico trotamundos do fútbol, pasando por equipo como o CSKA de Sofía (Bulgaria), Salernitana (Italia) ou Inter Bakú (Acerbaixán).
Aos seus 32 anos, o lateral brasileiro decidiu hai uns meses volver ao seu país para afrontar a recta final da súa carreira profesional fichando polo Chapecoense, equipo da máxima categoría que lle permitía disputar competición internacional.