Como na casa en ningún sitio
Por Diego Espiño
Oito partidos en Pasarón, oito vitorias. O Pontevedra Club de Fútbol é esta tempada o mellor equipo como local de todas as ligas de categoría nacional. Ten a tiro mellorar o inicio ligueiro na casa da tempada 83/84, rexistro que igualou tras vencer o pasado día 20 ao Somozas.
Os granates atopanse no seu estadio como en ningún sitio. Está a custarlles máis lograr puntos a domicilio, pero agora o equipo adestrado por Luisito afronta unha boa oportunidade para consolidarse na cuarta praza que ocupa na actualidade, en zona de play-off de ascenso.
No próximas catro xornadas, ata o 8 de xaneiro, o Pontevedra xogará tres dos seus catro partidos no Estadio Municipal de Pasarón, unha ocasión propicia para reforzar a súa posición de privilexio.
O primeiro en visitar o coliseo granate (domingo 4, 17:00 horas) será o Club Deportivo Boiro, no seu debut na categoría. O conxunto coruñés, que se reforzou no verán para tentar non pasar apuros, atópase nunha situación comprometida na táboa, en posto de promoción pola permanencia despois de tres derrotas consecutivas.
Tras ese choque o plantel pontevedrés afrontará o único desprazamento do mes de decembro, á provincia de Burgos para render visita ao Arandina, décimo terceiro clasificado.
Despois, co final da primeira volta e o comezo da segunda, chegarán dous choques consecutivos na cidade de Lérez, ante Caudal, undécimo na táboa, no último partido do ano (18 de decembro), e contra o Guijuelo, décimo quinto, tras as vacacións de Nadal (8 de xaneiro).
En canto ao primeiro destes compromisos, ante o Boiro, Luisito confía en poder recuperar a Dani Portela tras dúas semanas fóra do equipo por lesión, aínda que segue a ser dúbida, mentras o clube recurriu a expulsión de Capi ante o Coruxo. Pola súa banda Fredi contará coa baixa por sanción do dianteiro Pedro Beda, que viu ante o Celta B o seu quinto cartón da tempada.