O Marcón leva o derbi local (3-0) fronte un Pontevedra B que non levanta cabeza
Derbi local de necesidades contrapostas e vitoria clara do Marcón Atlético para non perder contacto cos postos altos. Foi por tres goles a cero á conta dun Pontevedra B que non levanta cabeza e suma xa a súa sexta xornada sen coñecer a vitoria.
Os homes de Luís Oliveira dominaron por completo o partido desde o inicio e o filial granate apenas inquietou á portería local. Así, no minuto 10 o Marcón adiantábase xa no marcador. Tras un saque de esquina, Bolo cedeu o balón dentro da área a Iván, o encargado de bater comodamente a Alejandro Sánchez.
Non sería o único gol que chegaría antes do descanso. Cun Marcón que despregou un xogo moito máis intenso que nas últimas semanas, demostrando ter chegada, o filial do Pontevedra aínda encaixaría o 2-0 na primeira metade.
No minuto 44, un centro de Manu Sieiro, chegado desde a banda dereita, caía aos pés de Sapi que tan só tivo que empuxar o balón ás mallas.
A pesar do 2-0, o Pontevedra B non reaccionou tras o descanso. Tampouco axudou o feito de que, pasados vinte minutos da segunda metade, o árbitro expulsara o seu adestrador, Santi Mariño, tras unha dobre amarela. A acción terminou por descentrar aos xogadores granates que, a partir de aí, quedaron a mercé do equipo local.
Antes de cumprirse o tempo regulamentario, o Marcón aínda anotaría o 3-0. Héctor Tajes, no minuto 89, culminaba a goleada. Tras un centro de Martín que recibiu Miguel este viu que o porteiro granate adiantábase, aproveitando para o ceder o balón a un Héctor que, tras librarse da súa marca, anotaba a pracer.
Con este resultado, o Marcón logra non distanciarse dos postos de ascenso directo e suma 20 puntos. Pola súa banda, o Pontevedra B mantense na parte baixa da táboa con 11.
Consulta aquí a acta do partido Marcón Atlético-Pontevedra B.
Relacionadas:
-
Grave tropezo do Marcón e o Pontevedra B asómase ao abismo
Por Redacción |
-
O Marcón asómase aos postos altos mentres o Pontevedra B afúndese un pouco máis
Por Redacción |
-
Derrotas de Pontevedra B e Marcón Atlético ante Mos e Gran Peña
Por Redacción |
-
A falta de acerto condena ao Marcón ao empate na casa e ao Pontevedra B á derrota en Beluso
Por Redacción |
-
O Marcón dobrega ao líder e o Pontevedra B empata ante o Cambados
Por Redacción |