Pasarón pon a proba a súa imbatibilidade recibindo un Somozas necesitado de puntos
Por Ramiro Espiño
Chega a Pasarón (domingo, 17:00 horas. TVG2) un Somozas necesitado de puntos e disposto a conseguilos fronte ao Pontevedra, que ten o difícil reto de manter a inmaculada xeira de partidos gañando no seu estadio, Os de Luisito buscarán a súa oitava vitoria na casa, fronte ao equipo que adestra Stili, que pola contra presenta mellores números a domicilio que cando xoga no seu terreo do Manolo Candocia.
Será tamén un partido de reencontros. Para Mario Barco e David Añón, que viaxaron desde As Somozas ata Pontevedra, e para Pablo González, que realizou o camiño inverso. Todo apunta a que os tres serán titulares, nun enfrontamento para o que o técnico granate non poderá contar con Dani Portela, como consecuencia da rotura muscular que sufriu en León, ademais de Íker Alegre, aínda lonxe de reaparecer.
A baixa de Portela, compensada en parte polo regreso de Bonilla, tras cumprir sanción, obrigará a retocar liñas. A dúbida radica en saber se Luisito fará os cambios só en defensa, ou ben optará por atrasar a Jacobo Trigo á posición de central destro, o que significaría tamén modificar igualmente un centro do campo no que a dúbida de Álex González, cunha contractura muscular, podería facilitar a volta á titularidade de David Añón, ademais da entrada de Álex Fernández ou Abel no pivote, para acompañar a Kevin Presa.
Interrogantes que non se resolverán ata momentos antes do partido, xa que o técnico de Teo, como fai habitualmente en Pasarón, convocou a todos os xogadores, insistindo en que non quere confianzas fronte a un Somozas que atravesa un mal momento de resultados, pero que dos once puntos cos que conta, nada menos que sete (dúas vitorias e un empate) logrounos como visitante.
O Somozas chegará a Pasarón, ademais, cunha única baixa: a do centrocampista Keko por lesión.
O obxectivo dos granates é sumar os tres puntos para manterse en postos de play-off, e se é posible borrar o mal sabor de boca que lles deixou a súa visita ao campo do líder, a semana anterior.
Será o primeiro dos tres derbis autonómicos consecutivos que deixa o calendario (os seguintes en O Vao, ante un Coruxo en alza, e logo de novo en Pasarón, recibindo ao Boiro). Un tramo de competición que pode marcar as posibilidades e aspiracións do equipo antes de pechar a primeira volta.
Arbitrará o colexiado Álvaro Alonso Prendes (Asturias), auxiliado nas bandas por Israel Bárcena Rodríguez e Enrique Gao Aladro.
Relacionadas:
-
Remontada con susto e sufrimento do Pontevedra ante o Somozas (4-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Un gol en fóra de xogo abre o camiño a unha Cultural Leonesa superior ao Pontevedra (3-0)
Por Redacción |
-
Viaxe a León "sen medo" para un Pontevedra que quere dar un golpe de efecto na casa do líder
Por Diego Espiño |
-
Dous días de merecido descanso tras unha semana redonda
Por Diego Espiño |
-
Golpe de autoridade dun sólido Pontevedra (2-0) ante a Ponferradina
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |