Tropezo na casa (2-3) dun Leis que se deixa tres puntos fronte o Noia
Por Redacción & Diego Torrado
Non era un rival propio para endereitar o rumbo e a pesar de disputar un gran partido, o Leis Pontevedra non puido evitar sumar unha nova derrota en casa, esta vez contra o Noia, un dos grandes favoritos da categoría, por dous goles a tres.
Os homes de Manu Cossío empezaron o partido da peor forma posible. Cristian adiantaba ao Noia no primeiro minuto, tras aproveitar un mal despexe do porteiro local. Pero aos poucos, aproveitando os seus perigosos ataques e un bo traballo defensivo, os pontevedreses fóronse facendo co partido e Pablo empatou no minuto 15.
Ata o descanso non cambiou a tónica do partido, pero tampouco o marcador. Pero na segunda parte, o Leis volveu ver porta. Gus remataba unha xogada de estratexia nun saque de banda cun gran disparo que poñía o 2-1 no electrónico.
Pero todo cambiou nos últimos minutos do encontro. No minuto 35, Nené volvía empatar o partido. Co 2-2, o Leis cometeu un erro que resultou defensivo. Miguel equivocouse na saída de balón e o Noia interceptou o seu pase moi preto da área. Nun dous para un, marcaría Borja o 2-3 definitivo.
O adestrador do Leis optou por sacar un porteiro-xogador para afrontar os dous últimos minutos en superioridade, pero nin Víctor, nin Miguel, nin Barcala acertaron coa meta noiesa nas ocasións que tiveron.
Con esta derrota, o Leis queda na décima praza da clasificación con cinco puntos.