Viaxe a León "sen medo" para un Pontevedra que quere dar un golpe de efecto na casa do líder
Por Diego Espiño
O Pontevedra viaxa "con moita confianza" e "sen medo" ao campo do ata agora "mellor equipo da categoría", a Cultural Leonesa.
Os granates queren asaltar o Reino de León (domingo, 17:00 horas) e dar un auténtico golpe de efecto na liga coa que sería a súa cuarta vitoria consecutiva.
Para iso Luisito asegura ter "clarísimo o once e o sistema que vou sacar", aínda que "non o saben aínda nin os xogadores", e é que o técnico introducirá seguro cambios na aliñación, un obrigado ao estar sancionado Bonilla.
Deulle moitas voltas pola semana o preparador de Teo para tentar contrarrestar a un equipo leonés que "ten sempre a posesión pero onde fai dano e na contra, con xente moi rápida".
Aínda que importante, a baixa de Gallar na Leonesa non será clave, segundo Luisito, xa que o seu substituto será "un xogador que hai pouco estaba en Primeira ou Segunda A", sinalou en relación á calidade do equipo adestrado polo galego Rubén de la Barrera.
O técnico da Cultural tamén dedicou encomios ao que será o seu rival e augura "un choque duro, disputado y ajustado" no que será "uno de los partidos más complicado hasta la fecha para nosotros".
Ademais do sancionado Gallar, De la Barrera conta coa dúbida do centrocampista Antonio, mentres o Pontevedra só terá para a cita a baixa do sancionado Bonilla e do lesionado de longa duración Iker Alegre.
Luisito convocou para este encontro a Edu, Santi Canedo, Miguel, Bruno, Capi, Portela, Adrián, Kevin, David Añón, Álex Fernández, Mario Barco, Mouriño, Álex González, Gonzalo, Mateo, Jacobo Trigo, Jacobo Millán e Abel.
O choque será arbitrado polo colexiado madrileño Miguel Ángel Ortiz Arias.
Relacionadas:
-
Pasarón pon a proba a súa imbatibilidade recibindo un Somozas necesitado de puntos
Por Ramiro Espiño |
-
Un gol en fóra de xogo abre o camiño a unha Cultural Leonesa superior ao Pontevedra (3-0)
Por Redacción |
-
Reforzos internacionais para a Cultural Leonesa a poucos días de enfrontarse ao Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Un dilema no lateral zurdo
Por Diego Espiño |
-
Dous días de merecido descanso tras unha semana redonda
Por Diego Espiño |
-
Golpe de autoridade dun sólido Pontevedra (2-0) ante a Ponferradina
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |