Pontevedra acollerá a Liga Europea de Nacións de tenis de mesa
Por Diego Espiño
O Pavillón Municipal será escenario o próximo martes día 12 de marzo da última xornada da Liga Europea de Nacións de tenis de mesa cos encontros das seleccións españolas masculina e feminina ante Serbia e Romanía respectivamente.
O equipo masculino, que ao igual que o feminino milita na Championship Division, a máxima categoría, xógase a súa permanencia despois de sumar unha soa vitoria nas catro xornadas precedentes, ante a subcampiona de Europa Suecia, e tres derrotas ante Alemaña, Portugal e Francia. Para lograr o obxectivo o seleccionador Víctor Sánchez convocou a Carlos Machado, Jesús Cantero, Marc Durán e He Zhiwen "Juanito".
Pola súa banda, o conxunto feminino chega á última xornada tamén cunha vitoria, a conseguida ante o seu rival máis directo pola permanencia, Inglaterra, que lle permite afrontar o partido con máis tranquilidade. O combinado dirixido por Zhu Fang presentarase en Pontevedra coa formación composta por Galia Dvorak, Sara Ramírez e Yanfei Shen.
Os partidos empezarán ás 19:30 horas e a entrada ao Pavillón Municipal será gratuíta.