Memorable derbi e triunfo agónico do Teucro sobre o Cisne (32-31)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Tiveron que pasar máis de 30 anos para volver vivir un derbi local de balonmán entre Teucro e Cisne, pero mereceu a pena esperar para ver o sensacional espectáculo que equipos e afeccións ofreceron no Municipal. Deportividade absoluta, dentro dun ambiente de paixón cada un polas súas cores. Gañou o Teucro, cumprindo a "tradición" das catro ocasiones anteriores en que ambos se enfrontaron en liga, pero puido facelo tamén o Cisne, que viu como García Lloria evitaba o empate na última xogada do partido, neutralizando un envelenado lanzamento directo de Carlos Pombo.
Foi un partido vibrante, espectacular, sen concesións. Con moitos protagonistas destacados, pero un sobre todos estelar. O partidazo que realizou David Chapela case lle dá ao Cisne algún dos puntos en disputa. A decisión de Quique Domínguez de ordenar unha defensa mixta na recta final do partido, con Román Pedreira como encargado de executala, foi clave para un resultado final que se decidiu só por pequellos detalles.
Gañou o Teucro. Fíxoo con tanta xustiza como apuros. Tampouco sería inxusto se o fixese o Cisne, aínda que a verdade, ningún dos dous merecía saír derrotado. Pero o verdadeiro gran vencedor tras o visto sobre a pista do municipal foi o balonmán pontevedrés.
Non tivo tregua a primeira parte. Cos ataques superando claramente ás defensas, o ritmo foi altísimo en todo momento. A iniciativa foi do Teucro, que mandou no marcador desde o comezo, aínda que as súas vantaxes nunca chegaron a superar os tres goles, respondendo o Cisne case de inmediato para poñerse a un só tanto por baixo, pero sempre tamén sen conseguir neutralizar do todo a diferenza.
Mentres os de Quique Domínguez non necesitaban apenas elaborar as súas accións de ataque para atopar boas posicións de lanzamento, os homes de Jabato víanse obrigados a mover máis o balón para superar o 5-1 defensivo do equipo que exercía como local.
Borja Méndez e García Pichel levaban o peso dos lanzamentos teucristas, sen que o Cisne acertase a neutralizar as súas accións. Por parte do conxunto branco, David Chapela e Álex Chan eran a principal referencia ofensiva.
A punto estivo de romper o partido a falta de cinco minutos para o descanso, cando o Teucro púxose con vantaxe de tres (15-12), pero o Cisne sacou proveito duns cinco minutos finais de tanta tolemia ofensiva como barullo defensivo (nove goles anotáronse nese breve espazo de tempo), para conseguir irse ao vestiario poñendo no marcador sobre a bucina nun mínimo 18-17, que deixaba a resolución para a segunda parte.
E esa segunda parte tiña reservado o mellor. Alternativas constantes. Empates e vantaxes mínimas que non permitían respirar a ninguén. As afeccións entregadas a levar ao seu equipo polo aire, sempre respectando ao rival. O que se di un partido non apto para cardíacos.
Guille Rial empataba por primeira vez para o Cisne na primeira xogada tras o descanso. Logo viría unha especie de ruleta rusa, ata que David Chapela, sensacional toda a tarde, puxo a un nivel supremo o seu recital de xogo e goles. Tres tantos consecutivos seus permitiron ao Cisne dominar, aínda que cunha mínima diferenza.
Remontaba o Teucro e respondía de inmediato o Cisne. Non había tempo para interiorizar tantas emocións. Así se chegou aos últimos 10 minutos. Quique Domínguez ordena unha mixta de Pedreira a Chapela. O Cisne acusouno. Dúas faltas en ataque consecutivas de Carlos Pombo permitiron ao Teucro irse de dous (29-27) a falta de cinco minutos, con Dani Hernández tirando de galóns e facendo valer a súa experiencia para poñer un balón de ouro a Samu Gómez. 32-30 no marcador e só 55 segundos por xogar.
Pero aínda quedaba o mellor. Lonxe de renderse, o Cisne seguiu crendo e tras un tempo morto de Jabato, Álex Chan toma a substitución. Un gol seu pon o 32-31. O Teucro precipítase na súa acción de ataque e perde a posesión. Con 20 segundos para atacar, a defensa azul frea a Iago Cuadrado. Reloxo a cero e lanzamento directo de Carlos Pombo. Salva a barreira, pero non pode con García Lloria, que detén con apuros xunto ao poste para recibir o abrazo dos seus compañeiros. Os puntos para o Teucro, pero o verdadeiro gañador dun partido memorable foi o balonmán.
SD TEUCRO (32): Santana; García Pichel (6), Borja Méndez (7), Samu Gómez (2), Carlos García (4, 1 de penalti), Dani Hernández (5, 1 de penalti), Iglesias (5) -sete inicial-, García Lloria (p.s.); Johnny Medina (3), Óscar Silva, Quintas, Iván Fernández, Román Pedreira, Sergio Altirriba, Aarón Díaz e Edu Moledo.
BM CISNE (31): Toño Lafuente; Adrián Menduiña, Miguel Simón, Javi Vázquez (1, de penalti), Carlos Pombo (2), Iago Cuadrado (3), David Chapela (10) -sete inicial-, Pablo Galán (p.s.); Xosé Canedo (1), Álex Chan (5), Pablo Picallo (3), Pablo Rey (3), Pablo Gayoso, Alejandro Conde, Guille Rial (3, 1 de penalti) e Andrés Sánchez.
Árbitros: Francisco José Gallardo Cabello e Sergio Francisco Gallardo Cabello (Andalucía). Excluíron dous minutos a Sergio Altirriba, Quintas, Johnny Medina (2) e Dani Hernández, polo Teucro, e a Andrés Sánchez, Pablo Rey e Alejandro Conde, polo Cisne.
Marcador (cada cinco minutos): 3-3, 6-4, 8-7, 12-10, 14-12, 18-17 (descanso), 20-19, 22-21, 24-24, 26-25, 29-27 e 32-31 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal dos Deportes (Pontevedra). 1.800 espectadores.
Relacionadas:
-
O Cisne imponse nun intenso final ao BMC Carabanchel (24-27)
Por Redacción |
-
Unha sobria segunda parte permite ao Teucro gañar con comodidade a Gijón Jovellanos (24-33)
Por Redacción |
-
Toño Lafuente sostén o Cisne nunha traballada vitoria sobre Grupo Covadonga (28-25)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Edu Moledo regresa á convocatoria do Teucro para partido de liga en Xixón
Por Diego Espiño |
-
O Cisne, a recobrar impulso ante o "tapado" Covadonga
Por Diego Espiño |
-
O Teucro recupera efectivos
Por Diego Espiño |
-
Teucro-Cisne, máis de 30 anos esperando por este partido
Por Diego Espiño |
-
Boa imaxe do Teucro, superado na segunda parte polo Sinfín (28-33)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Partidazo do Cisne que só cede ao final fronte ao Ciudad Encantada (30-32)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |