Dous partidos a domicilio que poden marcar o futuro do Pontevedra
Por Diego Espiño
Co cuarto posto a un só punto e o terceiro a dous, o Pontevedra afronta nas dúas próximas xornadas un exame determinante para calibrar as súas opcións de alcanzar a fase de ascenso.
Os de Milo Abelleira visitarán de xeito consecutivo a Somozas e Celta B coa obriga de mellorar os seus números como visitante.
Nos últimos nove desprazamentos o Pontevedra gañou un, empatou tres e perdeu cinco
O Somozas, nunha focha de resultados despois dun mes no que só sumou un empate, presenta uns rexistros moi mellorables no Municipal de Pardiñas, onde gañou catro encontros dos trece que disputou, un dato que podería subir o ánimo dos granates de non ser porque o Pontevedra presenta uns números similares a domicilio. O equipo lerezano só venceu nun desprazamento dos últimos nove (en Cangas ante o Alondras), sumando ademais tres empates e cinco derrotas, unhas cifras que deberá mellorar se quere aspirar a ocupar unha das prazas de play-off.
Unha semana despois, os de Milo Abelleira deberán desprazarse a Vigo para medirse ao segundo clasificado, un Celta B ao que xa se lle venceu na presente tempada pero que acredita once partidos sen perder.
Milo recupera a Adrián Goméz despois da súa sanción
Fran Fandiño, recuperándose da súa lesión de pube, preséntase a priori como a única baixa do Pontevedra, despois de que Caco mellorase das súas molestias nos isquiotibiais. Pola súa banda, Adrián Gómez volve estar dispoñible tras cumprir un partido de sanción.