Máis de 1.300 taekwondistas dan carácter internacional a Pontevedra esta fin de semana
Por Redacción
A Miguel Cortegoso, organizador do Campionato Internacional de Taekwondo, véuselle o mundo encima cando lle chamaron para comunicarlle que a XIX edición deste evento non ía poder celebrarse no Pavillón Municipal dos Deportes como era habitual. O partido de balonmán entre o Teucro e o Cisne obrigaba a trasladar o campionato a outro lugar. Finalmente, a través da Deputación e do Concello, acordaron que os 1.322 taekwondistas que se darán cita esta fin de semana, do 28 ao 30 de outubro, en Pontevedra disputen este campionato internacional nas instalacións da cidade infantil do Príncipe Felipe, cuxo pavillón conta cun aforamento para 1.200 espectadores.
Este xoves presentouse o evento no Concello de Pontevedra coa presenza do presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz; os deputados Digna Rivas e Javier divos; a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro e Miguel Cortegoso como director do club Mace-sport e promotor desta proba.
Ao campionato asistirán clubs de toda España, a selección de Baleares, numerosos equipos procedentes de Portugal e os mellores clubs de Galicia. Cortegoso indicou que serían necesarios máis dos tres días previstos para esta cita. O venres levará a cabo a pesada dos deportistas de combate; o sábado será a xornada grande coa celebración dos combates mentres que o domingo desenvolveranse as sesións de técnica, a nova de freestyle e a de exhibicións. Os deportistas, pertencentes a 60 clubs, son de primeiro nivel, segundo apuntan desde a organización e o obxectivo é que para a próxima edición retornen, como está a suceder durante os últimos anos.
O presidente da Federación Galega de Taekwondo afirmou que Pontevedra é un referente en países como Croacia ou Alemaña na organización destes campionatos e que o ano pasado todos os deportistas quedaran impresionados por como se levou a cabo o Open de España, celebrado na cidade, e que, por intereses do presidente da Federación Española, trasladouse a Mariña d'Or.