Os tenistas galegos dan o callo no IX Torneo Internacional Cadete de Sanxenxo
Por Redacción
As pistas do Círculo Cultural Deportivo de Sanxenxo seguen a pleno rendemento esta semana, pasando da competición do Internacional Junior ITF ao IX Torneo Internacional Cadete de Tenis.
A competición avanza xa cara ás súas roldas finais e os tenistas galegos están a dar un gran nivel, como demostra que varios deles conseguisen coarse nos cuartos de final.
Jéssica Bouzas, xogadora vilagarciá do CCD Sanxenxo, conseguiu avanzar de rolda tras un partido redondo (6-1 e 6-0), do mesmo xeito que Uxía Martínez, do CT Coruña, que venceu á portuguesa Madalena Andrade en dúas mangas (6-1 e 6-1). Non tiveron a mesma fortuna Sara Agís e Marta Rozados que non puideron gañar os seus partidos e caeron eliminadas do cadro individual.
Pola súa banda, no cadro masculino o xogador local Simón Arca demostrou que quere optar ao título no que é o torneo tenístico sub-16 máis importante de Galicia, ao gañar por un dobre 6-1 ao portugués Joao Ferreira e meterse en cuartos. Non lle puido acompañar o outro galego en liza, o lucense Jesús Bouza, que perdeu nun apertado encontro.
A emoción do mellor tenis de base prolongarase en Sanxenxo ata o vindeiro domingo 30 de outubro, cando están previstas as finais individuais.
Relacionadas:
-
Fin de semana de tenis galego no CCD Sanxenxo
Por Redacción |
-
O tenis internacional despídese de Sanxenxo tras as finais do torneo cadete
Por Redacción |
-
Vibrante peche do XV Torneo Internacional Junior ITF de Sanxenxo
Por Redacción |
-
O Torneo Internacional Junior ITF de Sanxenxo achégase ás súas roldas finais
Por Redacción |
-
Peche con sabor ruso no V Torneo Internacional Junior de Tenis
Por Redacción |