Mala xornada para os equipos do Leis
Por Redacción
As baixas lastraron ao equipo masculino do Leis Pontevedra na súa visita á cancha do Guardo FS, na que encaixaron a súa primeira derrota da tempada (3-2).
A pesar das ausencias de Pablo, Barcala, Berto ou Fiou, o choque foi igualado e só se decidiu en favor dos locais a falta de pouco máis dun minuto para o final.
Os de Manu Cossío plantexaron o partido con presión e intensidade e só un erro preto do descanso permitiu ao Guardo tomar vantaxe. O dominio pontevedrés agrandouse na segunda metade, pero os locais serían os que ampliarían a súa vantaxe.
Lonxe de vir abaixo o Leis igualou en dous minutos tolos, cun gol de Víctor en xogada de estratexia e outro de Dani tras unha acción persoal. Por desgraza para eles, nunha acción illada o Guardo conseguiría o 3-2 final.
O resultado deixa aos pontevedreses na oitava praza con 5 puntos conseguidos nas catro xornadas disputadas.
Pola súa banda o equipo feminino de Segunda División encaixou unha inxusta derrota na pista do Pirata Moaña (1-0).
A pesar de dominar boa parte do encontro e disparar a porta ata unha trintena de ocasións, non lograron bater a meta rival e terminaron cedendo.
O Moaña conseguiu adiantarse aos 12 minutos de xogo, despois dun par de avisos ao comezo do encontro. O gol fixo reaccionar ás pontevedresas, que se fixeron co control do xogo pero sen fortuna nos últimos metros nunha tónica que se mantivo ata o final.
A derrota deixa ao Leis-Marcón na penúltima posición cun punto, despois de cinco partidos de liga.