Pasarón queda baleiro. Menos da metade dos socios acode ao estadio cada domingo
Por Diego Espiño
Pódense buscar moitos motivos: a traxectoria irregular do equipo, o seu xogo, estar en Terceira División, a xestión do Consello de Administración, os conflitos extradeportivos ou simplemente cansazo, pero o feito é que domingo a domingo os fieis que acoden ao Estadio Municipal de Pasarón parecen ser menos, parecen porque dende o Pontevedra Club de Fútbol non se facilita ningunha cifra de asistencia oficial ao campo.
O que si fixo a entidade lerezana é confirmar, despois de que PontevedraViva o tivese solicitado ata en tres ocasións, o número de aboados que, a día 25 de febreiro, retiraron o seu carné para a presente tempada, un total de 2.387. O que non se quixo facer pública é a cifra dos que non renovaron a súa vinculación co club.
Con este número de socios, e cunha asistencia que supera con pouco os 1.000 espectadores nas últimas xornadas, pódese deducir que son menos da metade dos aboados actuais os que acoden a Pasarón, un dato que debe facer reflexionar e reaccionar aos dirixentes granates.
A masa social cansouse nun momento delicado para a viabilidade do club. Apenas acompaña ao equipo nos seus desprazamentos e na campaña de captación de socios para a segunda volta, aínda aberta, tan só foron 24 as novas altas, producíndose ademais 59 renovacións.