Waleska Pérez e Minata Keita, unha parella que promete
Por Diego Espiño
Tres xornadas da Liga Feminina 2 bastaron para relanzar as opcións do Club Baloncesto Arxil, grazas en gran medida ao acerto na fichaxe das dúas xogadoras foráneas que completaron en verán o plantel pontevedrés.
A Minata Keita xa lla coñecía no club verde, polo que pasou na tempada 2013/2014, pero faltaba por comprobar a adaptación da base venezonala Waleska Pérez, e esta non puido resultar máis positiva.
Waleska lidera despois de tres partidos a clasificación de xogadora máis valorada do Grupo A de a liga Feminina 2, con 25 puntos de valoración por partido. Con 24 puntos na terceira praza acompáñaa Minata Keita. Ambas as xogadoras, unidas á achega ofensiva de Ana Román, están a levar o peso atacante do equipo, situado na cuarta praza con dúas vitorias e unha derrota.
Keita é ademais a máxima anotadora da competición, con 21 puntos por partido, mentres Waleska é sexta nesta estatística con 16,33 puntos e Ana Román acumula unha media de 11,5 puntos. Por si fóra pouco a pívot malí é cuarta en rebotes, con 12,33 por partido, mentres a base venezolana é novena con 9,33 e achega 2,67 asistencias por encontro.
Con estes números o optimismo disparouse no club pontevedrés, aínda que conscientes de que a tempada é longa e a igualdade na Liga Feminina 2 é máxima esta campaña.
Nesta situación, as de Mayte Méndez afrontarán unha proba de nivel no seu próximo encontro ante o Lima-Horta Barcelona, outro dos equipos que como o Arxil acumula un balance de 2-1 a favor. O choque disputarase no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra nun horario diferente ao habitual , xa que se fixou para as 12:00 horas do domingo.
Relacionadas:
-
O Arxil quere trasladar o seu bo momento ás bancadas do CGTD
Por Redacción |
-
O Arxil volve remontar para gañar en Valladolid (55-58)
Por Redacción |
-
Valioso e sufrido triunfo do Arxil na prórroga ante o Lima-Horta Barcelona (72-68)
Por Redacción |
-
Waleska Pérez e Minata Keita levan o Arxil en Barcelona á súa segunda vitoria ligueira (68-75)
Por Redacción |
-
Derrota en Avilés dun Arxil negado en ataque (57-47)
Por Redacción |