Leis e Colexio San Narciso, unha colaboración "fructífera"
Por Diego Espiño
Levan catro anos colaborando, pero agora dan un paso máis cun acordo de patrocinio. Leis Pontevedra e o Colexio San Narciso de Marín rubricaron este martes o convenio que lles vincula para a presente tempada e polo que o centro educativo pasará a ser patrocinador principal dos equipos absolutos do Leis, o masculino de 2ªB e o feminino da Segunda División de fútbol sala.
"Estamos en un buen momento en lo deportivo en lo económico e impulsos como el que nos da el Colegio San Narciso nos permite seguir creciendo", sinalou Sergio García, representante da entidade deportiva, que este ano conta con máis de 200 xogadores federados nas diferentes categorías.
Grazas a esta colaboración, os alumnos do San Narciso contarán con actividades extraescolares dirixidas polo club pontevedrés, mentres o Leis poderá usar as instalacións do centro.
O San Narciso asinou acordos similares con outras entidades da comarca coa intención de que "clubs de distintas modalidaes encuentren aquí unas instalaciones en las que puedan entrenar", explicou o seu director, Diego Rosales.
Aproveitando a firma do convenio, xogadores e adestradores do Leis organizaron unha serie de exercicios cos alumnos do colexio durante o tempo de recreo na xornada educativa.