ÿxito absoluto da Copa do Rei e da Copa da Raíña de tenis de mesa disputadas en Pontevedra
Gran éxito de público nos Campionatos de España de tenis de mesa que se están celebrando en Pontevedra. Centos de persoas achegáronse ao Recinto Feiral durante toda a fin de semana. Foron testemuñas da vitoria dos cataláns do DKV Borges Vall e das murcianas de UCAM Cartagena na Copa do Rei e a Copa da Raíña, respectivamente, as dúas competicións coas que se abría estes campionatos.
O DKV Borges Vall proclamouse campión da Copa do Rei por primeira vez na súa historia tras impoñerse aos madrileños do San Sebastián de los Reyes que, tras dar a sorpresa durante a competición, non puideron facerse co triunfo como xa lles pasara na última final que alcanzaron en 2010. Venceu por 3-1 nunha final na que demostraron que é un dos equipos máis en forma do momento.
Ao equipo catalán, que derrotou en semifinais ao Arteal de Santiago de Compostela, a vitoria déronlla, especialmente, os dous triunfos do chinés Hu Bin sobre o madrileño Alfredo Carneros e o tamén asiático Shi Wei Dong. Este último deu o único punto da final ao San Sebastián de los Reyes ao derrotar no seu partido a Marc Durán. O terceiro triunfo do DKV Borges Vall conseguiuno o catalán Oriol Monzó, ao vencer por 3-0 ao alicantino Libre Sancho.
Moito máis rifado estivo, con todo, a final da Copa da Raíña feminina. Nela, o UCAM Cartagena impúxose ao conxunto catalán do Fotoprix Vic por 3-2. Foi unha final maratoniana. Durou máis de catro horas e obrigou a atrasar o resto da competición. Ambos equipos demostraron por que son dous dos principais equipos do tenis de mesa feminino do noso país. No caso das murcianas, é a súa duodécima copa.
Empezaron adiantándose as catalás, grazas á vitoria da chinesa Wang Zhipei, unha das mellores xogadoras da liga española, fronte á súa compatriota Zhu Fang. Dous triunfos seguidos, por parte da chinesa Yanfei Shen e a rumana Iulia Necula, puxeron por diante ás murcianas. Pero Wang Zhipei empatou o partido para o Fotoprix Vic. O punto definitivo conseguiuno Zhu Fang sobre a sueca Matilda Ekholm.
Resultados do Enmacosa Monte Porreiro
En ambos campionatos, a representación local correu a cargo do Enmacosa Monteporreiro. Eran os anfitrións e, satisfeitos como estaban de acoller a competición, aseguran que foi un torneo moi positivo para eles. Aínda que esperaban que os seus equipos masculino e feminino conseguisen unha clasificación mellor, a empresa non era fácil. A maior parte das escuadras que participaban neste torneo eran da Superdivisión, unha categoría superior á súa.
No caso dos mozos, que militan na División de Honor masculina, finalizaron a súa participación na Copa do Rei na décima praza, tras caer derrotados 3-0 no seu último partido contra o equipo madrileño do Rivas. Nada puideron facer Nacho Fernández, Dani Casalderrey e Dani Conic ante o Cajasur Priego, actual campión de España e, posteriormente, ante o DKV Borges, que foi o que se levou ao final o triunfo nesta Copa do Rei.
E en categoría feminina non foron moito mellor as cousas. Perderon ante rivais de maior categoría en dous dos tres partidos que xogaron. Só lograron vencer ao Cidade de Narón no último dos seus encontros. Unha vitoria insuficiente para pasar á seguinte rolda da Copa da Raíña. E iso que as irmás Elisabet e Vitoria Cadilla, xunto con Ana Pérez, pelexaron con todas as súas forzas para conseguir a clasificación.
Mellor torneo fixo o Establecementos Otero en Cambados que, na categoría masculina, quedaron segundos do seu grupo na fase inicial. Venceron dous dos seus tres partidos. Tan só cederon ante o San Sebastián de los Reyes, que chegaría posteriormente á final. Pero nos partidos do quinto ao oitavo posto non tiveron tanta sorte. Perderon contra dous equipos cataláns, L'Escala e Mataró, o que lles relegou á oitava posición.
As outras dúas escuadras pontevedresas, o Diario de Pontevedra Monte Porreiro e o Liceo Casino de Vilagarcía ocuparon a decimocuarta e decimoquinta praza, respectivamente, desta Copa do Rei.