Terceiro triunfo nunha semana do Teucro ao vencer nun cómodo partido ao Nava (29-23)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Hai sete días o Teucro chegaba con dúbidas ao seu encontro co Tolosa despois dun inicio irregular de liga, sobre todo a domicilio, pero unha semana máis tarde os de Quique Domínguez ven máis claro o horizonte.
Ante o Nava, na súa volta ao Pavillón Municipal dos Deportes, os azuis sumaron o seu terceiro triunfo en liga nunha semana para consolidarse na cuarta posición da División de Honra Prata, despois de asinar o seu encontro máis regular da tempada.
Unha boa defensa na primeira metade, unido á notable achega de Lloria na portería (8 paradas só no primeiro acto), facilitou o labor do cadro teucrista, que tras 5 minutos iniciais de igualdade (3-3) tomou a dianteira no electrónico cun parcial de 3-0 ao seu favor e xa non a soltou en todo o partido.
Os azuis aproveitaron a exclusión de Javier Gutiérrez para abrir un novo parcial ao seu favor que se pechou en 0-4, poñendo unha renda de 7 goles no marcador (13-6) aos 19 minutos que obrigaba a pedir tempo morto ao técnico visitante.
Desde ese instante, a pesar de momentos de tímida reacción, a renda non baixou en ningún momento dos 4 tantos en favor dos teucristas, que souberon controlar a un Nava que non deu o nivel esperado no Municipal.
Tras o descanso o Teucro mantivo as distancias, e só unha exclusión de Juan Quintas permitiu achegarse aos visitantes (25-21) a falta de 10 minutos. Non pasou de aí, Lloria en portería e un par de accións acertadas en ataque devolveron o colchón ao Teucro pechando un cómodo triunfo para seguir crecendo na competición.
SD TEUCRO (29): Lloria (1), Medina (3), García Pichel (2), Quintas, Borja Méndez (4), Dani Hernández (4, 1p), Iglesias (4) -siete inicial- Óscar Silva (4), Samu Gómez, Carlos García (6, 4p), Román Pedreira (1), Altirriba, Gerhartd.
BM NAVA (23): Samuel Ibáñez, Juárez, García Pellicer (2), Virseda (2), Villagrán (4), Andrés Alonso (2), Llopis (5) -siete inicial- Daniel Simón, Ajo Villaraso (1), Ajo Martín (2), Alberto García (2), Tello (1), Javier Gutiérrez, García Candau (2p), Alberto Miranda.
Árbitros: Miranda Bedate e San Pedro Colorado (Madrid). Excluíron a Dani Hernández, Juan Quintas (2) e Gerhartd no Teucro e a Ajo Villaraso, Tello, Andrés Alonso e Javier Gutiérrez no Nava.
Marcador cada cinco minutos: 3-3, 7-4, 9-6, 12-8, 15-10, 16-11, descanso, 18-12, 22-15, 25-17, 25-20, 26-21, 29-23.
Incidencias: Partido disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante 650 espectadores.
Relacionadas:
-
Un contundente Teucro repite triunfo en Zarautz (20-29) e mantense á alza
Por Redacción |
-
Segunda visita da tempada a Zarautz dun Teucro mermado polas lesións
Por Diego Espiño |
-
VÍDEO.- Teucro e Cisne, unidos na promoción do balonmán galego
Por Redacción |
-
O Teucro regresa ante o Nava a un Pavillón Municipal que "ha quedado precioso"
Por Diego Espiño |
-
O Teucro progresa adecuadamente e logra en Torrelavega o seu primeiro triunfo fóra (24-28)
Por Redacción |
-
O Teucro salva o seu mal partido aproveitando a debilidade dun frouxo Tolosa (29-20)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |