O Pontevedra, a poñer a guinda ao seu aniversario gañando ao Lealtad
Por Diego Espiño
Durante toda a semana o aniversario do Pontevedra Club de Fútbol foi protagonista, desviando a atención do plano estritamente futbolístico, pero a parcela deportiva pide de novo paso.
O Estadio Municipal de Pasarón vestirá as súas mellores galas para recibir este domingo (17:00 horas) ao Lealtad de Villaviciosa nunha xornada de festa, o día no que o club cumpre 75 anos, que sería redonda cun novo triunfo en liga.
Luisito e os seus xogadores queren abstraerse deste ambiente para seguir mantendo a súa fortaleza na casa (catro vitorias en catro partidos) e de paso consolidarse na zona alta da táboa.
O técnico granate non poderá contar con Capi, sancionado por acumulación de amoestacións, pero recupera na parcela defensiva a Portela.
Todos os futbolistas dispoñibles entraron na convocatoria, como é costume nos partidos da casa, e pouco antes do choque será cando Luisito descarte a algún deles.
A Pasarón chega un Lealtad que tras empezar a liga encadeando cinco xornadas sen perder leva agora tres derrotas consecutivas, aínda que mantén a súa solidez defensiva tendo encaixado no que vai de competición só 4 goles, colocándose como o segundo mellor equipo da categoría neste aspecto só superado polo líder, o Real Racing. Pola contra os de Roberto Aguirre acumulan máis de 400 minutos sen anotar un tanto.
O ex-adestrador granate espera recuperar para o partido a Keko Roza, conta coa dúbida de Lastres e as baixas Juan Cueto, Belda e Agus.
O Pontevedra fixou prezos populares (6 euros Tribuna, 4 euros Preferencia e 3 euros os fondos) para un partido que será arbitrado polo colexiado castelán-leonés César Domínguez Zapatero.
Relacionadas:
-
Preocupación no Pontevedra, que espera multas pola invasión de campo e uso de material prohibido nas bancadas
Por Diego Espiño |
-
Final feliz en Pasarón a un día de festa granate con vitoria (3-0) ante o Lealtad
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
A final autonómica para o Arosa que supera a un Pontevedra con pouco xogo e sen gol (0-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Memorias de ascensos e grandes batallas granates no Teatro Principal
Por Redacción |
-
5,5 millóns de cupóns da ONCE para conmemorar o 75 aniversario do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
75 anos de paixón polo Pontevedra
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |